Sunday 28 de April de 2024

Moeche inicia este sábado a programación do Nadal co seu tradicional mercado


O calendario de propostas para o Nadal en Moeche arranca este sábado 18 co seu xa tradicional Mercado de Nadal no que atoparmos de todo, da máxima calidade e a bos prezos. A cita contará con postos entre alimentación, artesanía e agasallos, aos que o Concello lles arrimou unha programación de actividades paralelas que se desenvolverá tanto pola mañá como pola tarde. Sortearanse agasallos, haberá obradoiros para grandes cativos e mesmo espectáculos de maxia e danza que completarán a oferta de lecer da xornada.

O mercado comezará pola mañá, a iso das 10.00h, coa apertura dos postos habituais aos que se lle engadirán algúns máis que incrementen a variedade de produto, principalmente os de temporada.

É o caso das chacinas e embutidos de Navia de Suarna ou das elaboracións de chocolate de Bombóns Moreno, quen nos traerán entrantes da matanza e exquisitas sobremesas para ilustrar os menús dos próximos días, elaborados con toda a calidade que podemos atopar no mercado.

Ademais de encher a cesta da compra, en Moeche tamén poderemos mercar eses detalles que nos axuden a vestir a casa para o Nadal ou aqueles cos que agasallar a familiares e amizades. De todo iso -flor, coiro, artesanía, madeira, cerámica,decoración, libros,…- haberá abondo onde escoller e para todos os gustos e petos.

Con cada transacción recibiremos un boleto para participar no sorteo dunha cesta infantil, dous lotes de produtos e vales de compra para o comercio local. O sorteo desenvolverase ao remate do mercado, a iso das 19:00h, tras unha intensa xornada cargadiña de actividades xa desde o momento da apertura.

Exposicións e obradoiros
Na cita veremos unha exposición de cestaría e artesanía en madeira da Asociación veciñal Val de Moeche. A ela tamén acudirá a Asociación de Amigos da Madeira das Pontes para mostrar unha escolma do seu traballo e explicar ao vivo o proceso de torneado. Noutro dos postos poderemos apreciar os encaixes de bolillos de Rosa Méndez e seguir o minucioso labor do palillado.

Alén destas mostras, o contido paralelo do mercado vai dirixido principalmente á rapazada. Ás 11:30h comezará un obradoiro de bombóns e chocolates no posto de Chocolates Moreno -inscricións no propio expositor-, ás 12:30h abrirá o circuíto de educación viaria e para as 16:30h tamén se programou unha actividade de creación artística na que cumprirá inscribirse ata uns minutos antes do comezo.

As propostas para público infantil e familiar complétanse coa exhibición de hip-hop e baile moderno das escolas de danza estética da Asociación Cultural Brío -17:00h.- que tras un breve descanso lle dará paso ao espectáculo Maxia @Temporal do mago Charlangas (18:00h).

Cómpre mencionar, por último, que durante todo o día permanecerá en San Ramón un paxe enviado polos Magos de Oriente para recoller as cartas das nenas e nenos e que a ANPA do CEIP San Ramón tamén disporá dun espazo para vender xoguetes e libros en bo estado doados pola veciñanza -a recollida finaliza este xoves-, de cara a financiar a festa de Reis que se desenvolverá no recinto o domingo 2 de xaneiro. Parte das doazóns entregaránselle ao Concello para que llas faga chegar a familias con escasos recursos.

Máis Nadal en Moeche
A xornada deste sábado inaugura oficialmente o Nadal modestino, aínda que o ambiente festivo xa se nota desde hai uns días gracias á iluminación e o pequeno poboado que decoran a parte dianteira da Casa do Concello. A eles engadiráselle a partir deste domingo 19 o prendido das luces da AVV Val de Moeche, que tamén leva días traballando no adobiado do local social do Pereiro e outros espazos. O acendido da iluminación do Nadal irá acompañado dunha chocolatada para a veciñanza.

Por outra banda, no local social do Ventoeiro tamén abrirá o sábado á tarde -16:00 a 20:00h- a exposición fotográfica “Labacengos a vista de paxaro”, con imaxes aéreas da parroquia captadas por Miguel Dopico Ferreira.

A programación continuará nas datas centrais das festas cos obradoiros Concilia Nadal organizados polas áreas de Cultura e Benestar para a rapazada e a mocidade. Ofértanse 38 prazas e este xoves é o último día para preinscribirse.

Moeche poralle o ramo ao seu Nadal na tarde do domingo 2 de xaneiro cunha festa de Reis anticipada que terá lugar na Nave do Mercado con inchables, música, xogos e chocolatada… ademais da visita de Gaspar, Melchor e Baltasar.